Normas de uso

Autorías

A Sementeira é un espazo aberto a todo o alumnado e alumni da FaCom, polo que calquera estudante ou persoa titulada no Centro pode rexistrar a súa autoría e difundir os seus proxectos. É preciso seguir as indicacións para completar o rexistro correctamente.

Proxectos

Os proxectos que se difundan na Sementeira deben ser pezas completas e acabadas. Contémplase a recompilación de traballos realizados no marco das materias dos títulos e proxectos persoais e profesionais do alumnado e do alumni, sempre e cando garden relación coa comunicación. Propóñense unha serie de etiquetas en relación aos tipos de formato e contido que a web acollerá, coa posibilidade de engadir outros novos no caso de que se incorporen obras que non encaixen nas categorías existentes.

A Sementeira busca darlles visibilidade e poñer en valor os proxectos realizados polo alumnado e alumni da FaCom, construíndo un repositorio institucional e un cartafol profesional para cada autoría. Con este obxectivo, procurarase que os traballos difundidos cumpran cun principio de calidade: a intención non é almacenar todo o contido realizado no marco dos estudos, senón aquel que funcione como mostra das habilidades, coñecementos e creatividade das persoas autoras.

Xestión e moderación dos contidos

O alumnado e alumni da FaCom que desexe difundir os seus proxectos en A Sementeira debe, en primeiro lugar, rexistrarse como usuario na web e posteriormente engadir a información sobre a súa peza. Antes da publicación en aberto na web, o equipo de moderadores validará os novos usuarios e revisará os contidos do proxecto. Despois desta aprobación inicial, as autorías e as descricións dos traballos poderán ser editadas polos usuarios.

No sitio web de A Sementeira non se permitirá a difusión de contidos ou comentarios que sexan unha manifestación de racismo, xenofobia, LGBTIfobia, ou de calquera outra forma de discriminación, odio ou intolerancia. O equipo de traballo de A Sementeira poderá retirar da web a información referida a calquera usuario ou contido que incumpra esta condición. Se detectas algún contido ofensivo, podes poñerte en contacto e denuncialo.

Cesión de dereitos

A Sementeira concíbese como un espazo para a difusión de proxectos xa publicados. Os contidos orixinais deben estar aloxados noutras plataformas e facerse accesibles na Sementeira a través dunha dirección web externa (sitios web, plataformas de vídeo, redes sociais, repositorios institucionais, etc.).

As persoas autoras son as responsables legais dos contidos dos seus proxectos. As autorías rexistradas na web de A Sementeira concédenlle expresamente á Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (en diante, a entidade cesionaria) o dereito de reprodución das súas obras. Esta cesión de dereitos autoriza a entidade cesionaria a empregar esta peza na elaboración do material referido ás accións de difusión de A Sementeira para a súa exhibición pública na Internet e outros medios existentes ou por existir, así como á elaboración de copias nos diferentes formatos de exhibición. Sen prexuízo do anterior, as persoas creadoras e cedentes da peza conservan todos os dereitos referidos á propiedade intelectual da obra, así como os dereitos de transformación e de explotación da peza, non podendo realizarse unha operación económica por parte da entidade cesionaria sen o acordo previo cos cedentes.

 

 

 

Scroll ao inicio