A Sementeira concíbese como un espazo para a innovación do xornalismo e da comunicación en galego, especialmente pensado para as xeracións nativas dixitais. É un espazo aberto ao alumnado e alumni da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que poderá visibilizar os seus proxectos nun marco pensado tamén para que o sector profesional descubra novos talentos na creación de contidos informativos e comunicativos
Equipo
Equipo de traballo
Equipo de redes sociais
Contidos
A Sementeira acolle traballos prácticos elaborados polo alumnado no marco das distintas materias das titulacións, e tamén proxectos elaborados específicamente para este entorno, coa implicación voluntaria do alumnado. Difundiranse produtos informativos (noticias, reportaxes…) e formatos audiovisuais de entretemento. Pódense atopar traballos escritos e audiovisuais en distintos formatos (noticias, reportaxes, podcast, curtametraxes, videoclips, ficcións sonoras, newsletters, etc.). Nas redes sociais da Facom atoparase información sobre a permanente actualización dos contidos da Sementeira.
Obxectivo
Unha mirada moza
A Sementeira é un espazo deseñado para o disfrute de contidos novidosos, frescos, modernos, áxiles e adaptados á mirada da Xen-Z. Un lugar que servirá para que o alumnado complemente a súa formación práctica con proxectos informativos e comunicativos variados e realizados fomentando a súa creatividade.
Conectando coa sociedade e coa empresa
A Sementeira, pretende ser unha nova fiestra da Facultade de Comunicación aberta á sociedade, co obxectivo de conectar as xeracións de novas e novos xornalistas e comunicadores coa cidadanía, a través deste espazo alternativo que fomentará a innovación. Ademais, A Sementeira pretende convertirse nun referente na necesidade de conectar a Universidade coa empresa, xa que o alumnado e alumni de Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación e do Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia, poden visibilizar os seus proxectos de cara a un sector empresarial que pode descubrir o talento dos/as novos/as creadores/as de contidos informativos e comunicativos.
A Sementeira aspira a converterse nun punto de encontro e de referencia do xornalismo e da comunicación de Galicia. Neste recuncho da aldea global dixital, A Sementeira recolle os froitos de máis de tres décadas sementando xeracións de grandes profesionais, hoxe espallados en múltiples e variados proxectos, e seguirá sementando día a día novos proxectos e novos/as creadores/as. Orgullosos/as do noso pasado, seguimos sementando o futuro con profesionalidade e ilusión.
Promotores
Facultade de Ciencias da Comunicación da USC en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia