De pequeno sempre me chamaban a atención na escola por falador, por ese gusto de falar por falar. De seguro tiña a axenda chea de notas dos profes aos meus pais... Non foi ata medrar un pouco, cando me percatei de que quizáis a iso me quería adicar.
Con 15 anos comecei a colaborar en Radio Tui, nun programa de divulgación chamado "Son da Raís", no que tiña a miña sección. Daquela comezou tamén o meu interese pola oratoria e o teatro no instituto, mais tamén a conciencia de temas coma o medioambiente. Así empezou "Tirando da Roda", un deses podcast de radio escolar que quedan coma pegada dixital.
O interese pola tradición levoume a iniciar o proxecto Entroideamos, co obxectivo de recuperar a tradición do entroido de Mos. Así foi coma unha festividade recuperada por rapazada chegou ás mascaradas máis importantes da península (ViboMask, Bemposta...). Esta recuperación púxome en contacto con Charles Freger, un dos fotógrafos máis recoñecidos no ámbito da antropoloxía, o cal amosou interese en incluír a nosa tradición nun dos seus traballos. Con el coñecín tamén a Rober de la Torre, Fernando Seadur... E comezou a miña afección pola fotografía.
Con 16 anos conseguín o meu primeiro pase de prensa, en Pernik, Bulgaria. Alí fun para facer traballo de campo comparativo coas mascaradas da Europa do este, no Surva Fest. A ocasión serviu tamén para comezar a buscar unha ollada fotográfica propia. Sobre todo este traballo impartín charlas nos colexios de Mos e en diferentes centros culturais do país.
De aí xurdiu tamén, en certo modo, o gusto de falar en público. Presentei diversos eventos culturais e, nun ámbito máis formal, comecei no debate académico, coma refutador. O noso equipo foi subcampión galego no TDAG.
Rematando bacherelato puxen en práctica unha afección que levaba tempo amosando nos comentarios de texto. Por iso escribín os meus primeiros artigos de opinión en Praza Pública e Nós Diario.
E en agosto do 2026, naceu unha idea que levaba no ventre xa anos. Lume no Pazo, unha canle de creación de contido en galego. Tempo atrás foran publicadas as enquisas do IGE sobre a decaída de galegofalantes. Foi tan demoledor que o primeiro que se me viu á mente foi unha "produtora de contidos" que achegara a lingua á moidade con entretemento e divulgación actualizados aos novos formatos. E aí estamos, facendo lingua!
Non obstante, ante todo, son gaiteiro. Dende que tiña tres anos o furancho foi o meu hábitat natural, e foi esa soltura extrovertida das foliadas a que me motivou a iniciar no instrumento con cinco anos. Máis adiante comecei coa zanfona e a pandeireta, en grupos coma Ruada de Torroso, Mangacarballos, Tirarrollas, Éche o que hai, Xiada e Arroulada. Grazas á música cheguei a tocar en Bos Aires, a participar na película "Rondallas" e mesmo a ser mestre daquilo que sempre amei. O seguinte é un disco que está en proceso.
Ismael Pato Pérez
De pequeno sempre me chamaban a atención na escola por falador, por ese gusto de falar por falar. De seguro tiña a axenda chea de notas dos profes aos meus pais...
Coñecer
Ismael Pato Pérez
Editar
Proxectos creados
- Ismael Pato Pérez