36209: Memorias en bloque é unha reportaxe multimedia e transmedia de xornalismo social que reconstrúe a memoria do barrio de Coia (Vigo) desde as súas orixes rurais ata a actualidade. A través dun percorrido dividido en catro capítulos —As raíces, O formigón, A ferida e Despois de todo— a peza analiza a transformación urbanística do barrio, o impacto da industrialización, a crise da heroína, a resposta veciñal e a construción dunha identidade colectiva marcada pola resistencia e a estigmatización.
O proxecto integra xornalismo de investigación, testemuños inéditos de veciños e veciñas, fotografías históricas, vídeos documentais, audios, arquivos de prensa e recursos interactivos para ofrecer unha experiencia inmersiva e participativa. Ademais, incorpora elementos de gamificación e navegación non lineal que permiten ao usuario explorar a historia ao seu propio ritmo, descubrir contidos ocultos e conectar diferentes capas de información, converténdose nun axente activo do relato.
Inspirado na estética do cine quinqui español e nas novas narrativas dixitais, 36209: Memorias en bloque non só conta a historia de Coia, senón que reflexiona sobre as consecuencias de determinadas decisións urbanas e sociais, reivindicando a memoria dun barrio que se converte en símbolo dos miles de territorios periféricos españois que viviron procesos similares. O resultado é unha proposta xornalística innovadora que combina memoria, tecnoloxía e participación cidadá para ofrecer unha mirada humana, crítica e profundamente documentada sobre a vida nas marxes da cidade.








