Nadie T Preguntó é un podcast de entrevistas que naceu en febreiro de 2023. Nel dáse voz a xente nova que, sen ser coñecida, fai cousas que merecen ser contadas.
O nome do programa vén de, por unha banda, a valentía dos invitados para sobrepoñerse ás críticas e opinións dos demais para sacar adiante proxectos ou para cumprir soños; e, por outra, da iniciativa do podcast de dar voz a historias que non conseguen entrar nos medios de comunicación.
O podcast trata de demostrar dúas cousas: que a xente nova non é de cristal, que emprende, que traballa, que ten grandes historias que contar; e que non só os famosos teñen unha gran entrevista detrás, ás veces é o veciño de toda a vida ou o amigo máis próximo o que ten algo incrible que achegar.
En tan só 12 meses Nadie T Preguntó conseguiu contar unha trintena de historias, culminando a súa segunda tempada cun Live Show ao que asistiron máis de 200 persoas no auditorio do Fórum Metropolitano de Coruña.