‘As Voltas que dan os Puntos’ é unha reportaxe multimedia de datos que trata sobre como evolucionou o ciclismo masculino nos últimos anos debido á repentina importancia que adquiriu en 2022 o ranking de puntos creado pola Unión Ciclista Internacional (UCI) case catro décadas atrás. Correr as Grandes Voltas (Giro, Tour e Vuelta) xa non estaba asegurado para os equipos de primeira división.


Antes deste ano, esta táboa clasificatoria servía como un baremo para os equipos, é dicir, non contaban coa presión que pode supoñer ascender ou descender de categoría. En cambio, nos últimos catro anos, o ciclismo deu un cambio como poucas veces se vira anteriormente nalgún deporte. Na actualidade, a loita por cada posto e cada punto condiciona situacións de carreira, fichaxes, a elección dos calendarios, etc.






Esta reportaxe busca contextualizar como evolucionou o ranking co paso dos anos, explicar que foi o que pasou no 2022 para que o deporte da bicicleta sexa concibido por equipos e ciclistas de forma tan diferente, e analizar as consecuencias que derivaron da crecente importancia do ranking UCI. Para levalo a cabo, esta reportaxe comeza cun ‘Prólogo’ inicial no que se encontra a portada; prosegue con cinco ‘Etapas’ que compoñen as seccións principais do proxecto; e finaliza cun ‘Epílogo’ que funciona a modo de conclusión.






Para o proxecto foron entrevistados xornalistas deportivos (Raúl Banqueri, Terio Carrera, Andrés Vieites e Juan Clavijo); exciclistas (Ezequiel Mosquera, Marcos Serrano e Damien García); ciclistas profesionais (Carlos Canal, Jesús Herrada, Eric Fagúndez, Abel Balderstone, Txomin Juaristi e Antonio Jesús Soto); o exvicepresidente da UCI, Artur Lopes; e o propietario da conta de X ¿A cuánto está Movistar…?, Luis López.


Un total de 41 vídeos de declaracións e 31 visualizacións (gráficos, mapas, calendarios, unha táboa e un cronograma) amenizan a lectura deste Traballo Fin de Grao sobre ciclismo (nota: 9,8). *Consumo en ordenador ou portátil aquí.
