Mareando o Xogo é un proxecto que nace para ofrecerlle á Costa da Morte un espazo de información local sobre o fútbol feminino, centrado especificamente nas xogadoras.
É unha resposta á escasa visibilidade que aínda sofre a muller futbolista nos medios, especialmente no fútbol costeiro. Ante este baleiro de información, Mareando o Xogo pretende ser un altofalante das xogadoras nas redes sociais sendo un espazo cómodo e de confianza no que poidan expresarse libremente.
A través deste medio pode coñecerse a actualidade do fútbol máis modesto de Galicia, coñecendo en profundidade ás futbolistas da Costa da Morte, a través de seccións que presentan como é o seu día a día (Un día nas botas de…), como viven as lesións (Fóra de Xogo) ou outras cuestións sobre a súa traxectoria deportiva (Pasa a Pelota).
Mareando o Xogo nace para reivindicar o valor do fútbol feminino local e amateur, demostrando que todas as categorías merecen un bo tratamento, independentemente de que non sexan profesionais.