VerifiGal constitúese como unha axencia de verificación de información co seu núcleo en Galicia, un territorio onde, por desgraza, a mentira síntese cómoda. Actualmente, nesta autonomía non existe ningunha entidade que teña como principal obxectivo loitar contra a desinformación. Ninguén lle fai fronte á manipulación interesada e ás falsidades informativas. O equipo fundador de VerifiGal está composto por cinco alumnas de 4º de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela. Todas elas pertencen á Xeración Z, o que lles permite ter un punto de vista diferente á hora de crear contidos dixitais e desenvolver a súa actividade profesional.
Nun contexto marcado pola sobreabundancia informativa nun entramado mediático xeralista, o proxecto de VerifiGal caracterízase polo desenvolvemento de fact-checking, técnicas de verificación e ferramentas de alfabetización para as audiencias. Así pois, non só se pretende solventar unha necesidade específica do nicho de mercado, senón aportar valor informativo atallando as problemáticas de desinformación e infoxicación actuais. Eís a nosa proposta de valor. O contido destas pezas elaborarase dende unha pluralidade temática e informativa, igualmente contando co tratamento especializado adecuado e sempre orientado ós intereses sociais do noso público, aínda que centrada no contexto galego: Galicia é o núcleo e a razón de existir de VerifiGal.
Deste xeito, a nosa marca non só loita contra a desinformación en Galicia, senón que ofrece un servizo que garante que a cidadanía acceda a feitos verídicos e comprensibles ó encher o baleiro de fact-checkers na rexión. Coa vocación de converterse na axencia de verificación de referencia no país, VerifiGal prioriza a transparencia, accesibilidade, innovación e colaboración, baseándose na retroalimentación constante da comunidade para mellorar o seu labor. Mediante as actividades de alfabetización, fomenta unha sociedade informada e activa na creación de contidos e solucións ás fake news, defendendo, así, a independencia política e os valores democráticos, esenciais para o exercicio dunha democracia de calidade.
PROTOTIPADO:
“Que morra o conto!”
VerifiGal conta cunha newsletter quincenal en Substack. Que morra o conto! combina de maneira dinámica contidos de alfabetización con información sobre os principais bulos do momento, cun ton distendido e satírico. Pódese visitar o prototipo de newsletter na seguinte ligazón: https://verifigal.substack.com/p/de-plasticos-non-toxicos-e-dun-carniceiro?r=4sscg3&utm_campaign=post&utm_medium=web&triedRedirect=true .
AUTORÍA:
VerifiGal é un proxecto ideado, elaborado e difundido por cinco alumnas da FaCom: Iria Pombo, María Rey, Eva Cid, Carla Tilve e Pablo Barciela.