Dende a súa creación a mediados dos anos cincuenta, o Festival de Eurovisión é motivo de xuntanza para vivir o evento en compañía e en amizade. Así mesmo, co nacemento das redes sociais tamén xurdiu unha nova forma de expandir dita cerimonia, con grupos de fans seguidores do evento e a creación de diferentes comunidades. O valor da diversidade está presente en todos os seus aspectos, dende a variedade cultural e lingüística ata a diversidade sexual e de xénero. A este respecto, esta investigación persegue analizar se, precisamente, o fomento e respaldo da diversidade sexual e de xénero axuda a constituír un ambiente seguro tanto para as persoas participantes do Festival da Canción de Eurovisión como para os eurofans que pertencen ao colectivo LGTB.
Para iso, aplícase a técnica coñecida como entrevistas semiestruturadas en profundidade a diferentes asociacións e grupos de fans que seguen ó Benidorm Fest (preselección española para o Festival de Eurovisión dende 2022) e Eurovisión. En concreto, o obxectivo desta investigación é analizar a visibilidade do colectivo LGTB neste certame, tanto dende a perspectiva da comunidade eurofan española, tanto traballadores profesionais do campo como seguidores, como integración da representación do colectivo LGTB no Benidorm Fest, fans do festival e artistas participantes, e, por último, o valor da diversidade sexual e de xénero, e como esta se amosa e de que forma nun medio de servizo público como é RTVE a través do Benidorm Fest.