
Fontes é unha peza audiovisual creada e realizada por Mario Elías e Andrea Regodeseves gañadora do concurso #OutraCompostela na 21ª edición do festival Curtocircuíto en outubro de 2024. As bases do certame establecían que os participantes debían presentar unha peza que retratase Compostela atravesada pola temática da edición do festival: os fondos oceánicos e os conceptos de silencio, profundidade e escuridade. O vídeo debía ser producido en menos dunha semana (Fontes fíxose nunha tarde), e tiña que ser gravado con dispositivos móbiles. Fontes somerxe ao espectador en diferentes fontes da cidade de Santiago, permitíndolle o acceso a uns pousos que sempre están aí pero nunca se ven, e que reflicten ao seu xeito a contorna na que se enmarca cada fonte. Para iso, só foron necesarios un iPhone 14 e unha funda plástica do bazar que asegurase a integridade do dispositivo ao ser somerxido.