
«O fútbol é sinónimo de infancia e de barrio», sentencia un entrevistado de La soledad del jugador de banda. A través da analoxía entre fútbol e cinema, este documental aborda o poder social, comunitario e identitario do deporte. Cos barrios obreiros do sur de Madrid como escenario, maniféstase o desexo de crear cinema e as posibilidades que ten a clase obreira para facelo. Xorde así un relato metacinematográfico para reflexionar sobre a forma e as implicacións do creador e dos seus desexos.

Ademais, explórase como as comunidades creadas arredor do fútbol interactúan cos outros, cos expulsados, a través da homofobia e do machismo no deporte. O autor íspese para contar a súa historia como seareiro, xogador, persoa queer e proxecto de cineasta. Neste caos de ideas, o documental aposta por un ritmo vertixinoso, ecléctico e expresionista, como a vida no barrio.

Ficha técnica
Dirección: Víctor López Mínguez
Guión e montaxe: Víctor López Mínguez
Son: Pablo de la Serna
Produción: Marta Galán e Víctor López Mínguez
