O Zoar (2025) é unha curtametraxe de ficción académica e independente.
Un relato de tradición e liberdade na Galiza de 1920.
Trala morte do pai, Helena, a filla maior, é sometida a un matrimonio que non desexa. Poderá, entón, obedecer a encomenda da nai en prol do ben familiar, aínda que isto signifique renunciar á súa liberdade?

Un espazo protexido para a cultura galega, no que se rescatan e representan aquelas tradicións que resultaron esquecidas co paso do tempo.
A primeira escena de O Zoar é unha coidada representación da danza do Abellón, un antergo rito funerario documentado até comezos do século XX no rural galego, onde os asistentes xiraban ao redor do defunto zoando coa boca, coma unha abella, para liberar a súa ánima.

Reconectar co noso espírito ancestral e lembrar o legado das devanceiras, dende un punto de vista feminista e naturalista.
O Zoar é unha exhibición respectuosa do patrimonio etnográfico. Dende o vestiario tradicional galego e o uso de localizacións emblemáticas, até motivos do noso imaxinario colectivo, lendas e misterios, ou a interpretación da nosa música en forma de cantigas populares.

O Zoar conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela, así como da Fundación Rosalía de Castro para a cesión de espazos e o Museo do Pobo Galego para a recuperación e difusión de cantigas do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Ademais, inclúe a peza musical “Alento” cedida xenerosamente polo popular grupo musical “De Ninghures”.
| FICHA TÉCNICA Título: O Zoar (The Buzz) Ano de produción: 2025 Xénero: Drama Duración: 29′ Idioma: Galego, Castelán |
|
EQUIPO ARTÍSTICO Helena: Lucía Abuín Dona Carmela: Laura Iglesias Padrón Adela: Susana Sánchez Don Jaime: Mario Horro |
